Premios e Recoñecementos de Preescolar na Casa

A Fundación Preescolar na Casa e a súa traxectoria a favor da educación galega, foi recoñecida por diversas entidades:

No mes de decembro de 1982 (sesión do día 22), o Pleno do Parlamento de Galicia aproba unha proposición non de lei segundo a cal se insta “ ó Goberno galego a estudar a posibilidade de ampliar o apoio no servizo de ensino “Preescolar na Casa”, con obxecto de dispor dos necesarios recursos financeiros, inscritos no Presuposto da Comunidade Autónoma”.

En setembro-outubro de 1983, na IV Convención Internacional de Televisión e Educación  e nos “Encontros entre a Oficina Permanente de Pedagoxía da Imaxe e as Televisións de España, Italia e Noruega”, un vídeo de Preescolar na Casa foi considerado como a mellor alternativa a televisión con obxectivos pedagóxicos.

Na “Muestra Internacional de Vídeo Educativo de Murcia”, tal como se recolle na revista da UNED de decembro do 1984, afírmase que este vídeo de Preescolar na Casa é o primeiro intento de sistematización, a través da imaxe ao servizo da educación, e que apunta camiños sobre o que debe ser unha liña de investigación na produción de vídeos.

No Parlamento de Galicia, na sesión do 29 de febreiro de 1984, baixo proposición non de lei, apróbase instar a que a Xunta prosiga no seu apoio á organización PnC “con aportación de profesores segundo ven facendo ata o presente, e mediante a subvención das actividades na contía en que a Xunta determine en función das necesidades do programa”.

En maio de 1984, PnC recibía o Premio da Crítica Galega a Iniciativas Culturais outorgado en Vigo, polo Círculo Ourensán Vigués “ao esforzo continuado de profesionais pola formación dos pais e o resto do mundo rural na formación integral do neno; labor que foi desenvolvida totalmente en lingua galega, xa desde épocas conflitivas.”

No curso 1987-88 a UNED, por encargo do Ministerio de Educación, realiza unha avaliación externa ao programa de Formación de Apicultores, resaltando a importancia e transcendencia do proxecto como xerador de emprego.

No ano 1989, Preescolar na Casa recibe varios PREMIOS INFANCIA 89 do Ministerio de Asuntos Sociais:

1º Premio por el trabajo de experiencias y formación de padres y Educación Infantil Rural.

1º Premio por el trabajo de radio “Preescolar na Casa, serie 3-6 años”.

3º Premio al colectivo PnC por el trabajo en radio como programa educativo para padres de niños de 0-3 anos.

En 1990, Antonio Gandoy, impulsor de Preescolar na Casa é nomeado “LUCENSE DO ANO”, galardón que concede a Asociación de Radio e Televisión.

En 1994, Preescolar na Casa recibe o INFANCINE 94 (Concedido polo Concello de Pozuelo de Alarcón), coa Mención Especial ao programa “de Servicio Público Preescolar na Casa da Televisión de Galicia”.

No mes de marzo de 1996, o Ministerio de Asuntos Sociais concede a “Cruz de Plata de la Orden Civil de la Solidaridad Social” a Antonio Gandoy Díaz, Coordinador de Preescolar na Casa, o que supón un recoñecemento a nivel estatal da súa traxectoria persoal e tamén, da acción educativa realizada co programa Preescolar na Casa.

Tamén no ano 1996, CARITAS de Lugo recibe o premio “Moncho Valcarce” pola labor educativa que leva a cabo no rural, sobre todo a través do programa Preescolar na Casa.

En 1998, o programa de Preescolar na Casa na Televisión de Galicia, recibe o PREMIO LOBO DE CINEMA, como mellor programa de televisión.

En marzo do 2001 recibe o premio “Irmandade do Libro” convocado pola Federación de Libreiros, pola súa labor de promoción do libro e da lectura así como o seu papel desempeñado a prol da cultura galega.

No mes de marzo de 2002 a Facultade de Educación da Universidade de Santiago de Compostela realizou unha homenaxe no día do Patrón a Don Antonio Gandoy, fundador de Preescolar na Casa e finado no mes de febreiro, dedicándolle este día a súa persoa xunto coa do Pai Martín Sarmiento. Ao mesmo tempo inaugurouse unha exposición sobre a súa figura.

En setembro do 2006, as redaccións de EL CORREO GALLEGO, Galicia Hoxe e Radio Obradoiro elixiron Galega do Mes de Setembro á mestra Ermitas Fernández, directora e unha das promotoras  de Preescolar na Casa (PnC) e da fundación que leva o mesmo nome. Con este premio, os traballadores dos tres medios queren recoñecer a excelente traxectoria profesional desta mestra luguesa, que dedicou boa parte da súa vida a defender un proxecto educativo concebido para contribuír á formación dos pais e demais membros da familia na tarefa de educar aos fillos.

En novembro de 2006, o Padroado dos Premios San Martiño de Normalización Lingüística, que promove a Asociación Cultural O Brado, premiou na súa XVI Edición co “PREMIO Á NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA NO ÁMBITO GALEGO” ao programa Preescolar na Casa.

O 15 de xuño de 2007, A Fundación Preescolar na Casa recibíu o RECOÑECEMENTO UNICEF á SOLIDARIEDADE, polo seu compromiso coa Infancia galega e o seu apoio a UNICEF na difusión dos Dereitos da Infancia. Con este premio, UNICEF recoñece o labor realizada por Preescolar na Casa nos últimos 30 anos. O Presidente da Fundación Preescolar na Casa, D. Alejandro Fernández Pumariño recolleu este importante galardón nun acto celebrado na sede da Fundación Lázaro Galdiano, en Madrid, onde se entregaron os Recoñecementos de UNICEF-Comité Español á Solidariedade, baixo a presidencia da S.A.R. a Infanta Dona Margarita de Borbón, Duquesa de Soria.

O 25 de xullo de 2007 conséguese o certificado de empresa ER 1050/2007 emitido por AENOR o que  lle confire á Fundación ser unha empresa certificada de acordo coa norma UNE-EN ISO 9001:2000, evidenciando a implementación dun sistema de xestión de calidade.

En xuño de 2008, a A.N.P.A. “Picapeixe” do CEIP Nicolás del Río de Cedeira, concede a Preescolar na Casa un dos seus “Galardóns Picapeixe” na modalidade de traxectoria socio educativa polo seus 30 anos de traballo educativo coas familias galegas.

Tamén en xuño de 2008, o equipo de profesionais de Preescolar na Casa da provincia de Ourense obtivo o 2º premio a nivel nacional no “Concurso de Proxectos de Educación Viaria no ámbito escolar”.

O 1 de decembro de 2009 alcanza o Selo de Compromiso cara a Excelencia Europea 200+ ; certificación expedida por Bureau Veritas seguindo os criterios do modelo de EFQM de excelencia.

E nos dous últimos anos da súa historia, cando o peche do programa estaba próximo, foron moitas as institucións de carácter educativo, social e mesmo doutros ámbitos as que mostraron apoio público ao programa e que clamaban polo seu mantemento. Xente da educación de todo o mundo, que coñecía a traxectoria de Preescolar na Casa non daba crédito. Houbo en Lugo unha manifestacion a favor de Preescolar na Casa que foi unha das máis seguidas na cidade das murallas. Máis de 20.000 sinaturas a través de dúas páxinas web reclamaron que non se deixara morrer a Preescolar na Casa. Máis de 25.000 sinaturas físicas avalaron unha Iniciativa Lexislatura Popular que foi rexeitada no Parlamento. Istos foron OS MELLORES RECOÑECEMENTOS.