Antonio Gandoy Díaz

A primeira páxina da súa vida ábrese nun barrio de obreiros e labregos na periferia da cidade de Lugo. Era o 7 de xullo de 1930. Nace Antonio Gandoy Díaz.

Fillo de familia traballadora de orixe aldeá, o seu pai era carpinteiro da construción e a súa nai traballaba na casa e no campo. A súa formación era escasa, pero chegou para que Antonio aprendera a ler antes dos cinco anos.
Antonio Gandoy recordaría moitas veces que esta aprendizaxe temperá encheuno de confianza en si mesmo e dunha inesgotable ansia por aprender. Lector empedernido de xornais, contaba a miúdo que na súa casa, na que faltaban moitas cousas necesarias, sempre había un xornal.
En 1942 ingresa na antiga Escola de Traballo. Escolle a Especialidade de Carpintería e sae de alí co título de carpinteiro-ebanista. Nesta etapa participa na creación dun grupo de Acción Católica, dedicado á mocidade traballadora. 
Cando en 1946 se incorpora ao mundo do traballo, vai experimentar na súa propia persoa a situación de necesidade que padecían os obreiros.

Persoa fondamente humana, sempre estivo do lado dos máis desfavorecidos. No ano 1947 súmase a un grupo de xoves traballadores que estaban a fundar a Juventud Obrera de Acción Católica.

Chegamos a un ano clave na súa andaina vital: 1950. Co afán de ser máis útil aos traballadores e á sociedade ingresa no Seminario de Lugo. En 1956 foi un dos fundadores do grupo Jesús Obrero, movemento que tiña como obxectivo o coñecemento e a sensibilización da problemática obreira.
Finalmente, foi ordenado sacerdote no 1961. Exerce de crego-coadxutor da parroquia de San Francisco Xabier de Lugo, de recente creación, atendendo tamén ao culto na igrexa de San Fiz. No ano 1962 Encargáronlle para a Diócese de Lugo a atención á Juventud Obrera Cristiana, tendo como tarefa principal a promoción de novos traballadores, aínda que el tamén se centra na axuda a xitanos e a nenos orfos.
Dúas datas habían de resultar claves para o seu posterior traballo:
- En 1970 publícase o documento “La educación en Galicia”, onde se manifesta que existe un 82% de retraso escolar na poboación galega respecto á do resto do estado.
- E no ano 1975 publícase o Informe Foessa onde se denuncia que a carencia da Educación Preescolar é o mellor medio de discriminación eficaz e de marxinación definitiva.
Pouco tempo había de pasar para que o equipo das Cáritas de Galicia, con Antonio Gandoy como secretario, consciente da transcendencia da situación reflectida nos documentos anteriores trate de buscar unha solución á necesidade de Educación Preescolar para os nenos do medio rural. Estamos en 1.976. Outras das súas loitas nesta etapa foron a recuperación dos montes veciñais de man común, a promoción do servizo de tempo libre e a rehabilitación de alcohólicos.
Realizada unha sondaxe das necesidades dos nenos galegos e das respostas por parte das distintas administracións, no ano 1977, deciden poñer en marcha unha experiencia piloto de educación infantil familiar: acaba de nacer Preescolar na Casa. Ao longo de máis de tres décadas Preescolar na Casa evoluciona tratando de responder ás necesidades do medio para o que naceu: unha utopía realizable e unha utopía irrenunciable, como o definía o propio Antonio Gandoy.
Porque Preescolar na Casa nace para paliar as desigualdades dos nenos e das nenas do medio rural, coa pretensión de crear na sociedade unha cultura de Educación Infantil Familiar. Un dos camiños era o que ofrecían os medios de comunicación.
Así, no ano 1982 aparece Preescolar na Casa en Radio Nacional de España. En Outubro de 1990 sae a luz o primeiro programa de Preescolar na Casa Educación Infantil Familiar, na Televisión de Galicia.

Ao longo de todos estes anos Antonio Gandoy participou en moitos foros de educación. A súa definición de educación iría aquilatándose froito de moitas horas de lectura e reflexión: “a educación enténdese como a acción que ten por obxecto o crecemento e o perfeccionamento das facultades da persoa, desenvolvendo as súas capacidades, adquirindo coñecementos, elaborando valores, mediante a aprendizaxe e o influxo externo, de xeito que sexa capaz de comprender a realidade, intervir nela e vivir en harmonía consigo mesmas, cos demais e coa natureza”.
Hoxe, en varios países do mundo, existen actividades educativas en débeda con aquela intuición xenial da que naceu Preescolar na Casa.
A revista de Preescolar na Casa foi, ao longo destes anos, foi o vieiro do seu pensamento tan veciño ao humano, e tan apaixonadamente educativo. E sempre cun tema recorrente: os libros. A lectura chega a ser unha das súas grandes preocupacións: que as persoas souberan ler dun xeito comprensivo e reflexivo, para aprender, para comprender, para transformar o mundo.
O ano 1985 pon a proba a súa entrega e capacidade de traballo: é nomeado delegado de Cáritas para a diocese de Lugo. Terá que compartir esta nova tarefa coa a de coordinador de Preescolar na Casa.

Nos últimos anos chegarían os recoñecementos públicos a unha vida que se foi queimando a favor dos demais. Morre no ano 2002 despois dunha longa enfermidade.
Entre outros moitos premios, destacan polo seu carácter persoal o de Lucense do Ano, a Cruz de Prata da Solidariedade Social, concedida en 1995 polo Ministerio de Asuntos Sociais. Tamén o Concello de Lugo pon o seu nome a un Centro Social e o seu nome a unha praza, na que, por iniciativa popular e aportacións económicas dos veciños da cidade, colócase unha escultura que representa a súa imaxe, “O cura da bicicleta”.


Máis información en Galegos.
Nova "El Cura de la Bicicleta vuelve a otear los lugares que frecuentó" en La Voz de Galicia
Foto da estatua de Gandoy feita por Manuel López Castro, en Flickr
Fotos da Fonte do Rei e da estatua de Antonio Gandoy en La Photoweb de Jaime
Antonio Gandoy: un cura, su bicicleta y Preescolar na Casa en Arte entre Murallas, de Lugo Turístico
El cura de la bicicleta en El fotolog de jm-lópez
Antonio Gandoy en España, Escultura Urbana