Historia de Preescolar na Casa

Os inicios de Preescolar na Casa sitúanse nos anos 70, cando unha serie de datos sobre a educación da poboación infantil, chaman a atención dun equipo de persoas lideradas por D. Antonio Gandoy. No ano 1970, publícase “La educación en Galicia”, onde se manifesta que existe un 82% de “retraso escolar” na poboación escolar galega. Cinco anos máis tarde, en 1975, publícase o Informe FOESSA, onde se afirma categoricamente: “A carencia da educación preescolar é o mellor medio de discriminación eficaz e marxinación definitiva”.
O equipo das CÁRITAS de Galicia -consciente da transcendencia da situación reflectida nos documentos anteriores- trata de buscar unha solución á necesidade de educación preescolar para os nenos do medio rural. Así, no ano 1976 realízanse unhas xornadas de estudio e reflexión sobre a situación e a necesidade de que as instancias oficiais cren solucións. Diríxense escritos aos medios de comunicación, organismos oficiais, … Previndo que no medio rural non ía haber unha resposta de creación de postos escolares para nenos de menos de 6 anos, e convencidos de que “os nenos non agardan por solucións futuras”, por moi boas que estas puideran ser, trátase de organizar un método de traballo que axude ós pais, que viven no medio rural, a desenvolver capacidades, adquirir coñecementos e formar pensamento para orientar aos seus fillos. Fanse enquisas, tratando de ver a viabilidade que esta metodoloxía tería e atópase a resposta desexada nun profesor de Filosofía da Escola de Maxisterio: “Paréceme magnífico, foi o que meus pais fixeron comigo”. Defínese, entón, o primeiro deseño dun Servizo de Orientación a familias.

1977. No mes de Xaneiro, empézase a actividade como experiencia piloto. Elíxense 4 localidades, tendo en conta que nelas existían experiencias de formación e traballo en común (en San Román da Retorta de Guntín, Cirio de Pol, Marei do Corgo e Vilar de Castroverde, todas na provincia de Lugo). Ás reunións, neste momento semanais, asisten só pais.
Faise unha enquisa aos párrocos de Galicia tratando de recoller datos sobre a necesidade e viabilidade do proxecto, confirmándose que este tipo de acción é necesaria e posible.
Dada a inexistencia dun material didáctico axeitado ás necesidades dos nenos e nenas do medio rural galego, empézase a preparar material didáctico en galego, con actividades de pre-escritura, lectura, cálculo e percepción, de acordo cos contidos establecidos pola Universidade Nacional de Educación a Distancia para a formación de mestres de Educación Preescolar.

Curso 1977-78. Adóptase o nome de Preescolar na Casa (PnC), para referirse á atención educativa anterior á escola e realizada na casa.
Preséntase o proxecto ao Ministerio de Educación que destina a este proxecto 3 mestres funcionarios de E.X.B., en comisión de servizos. CARITAS Galicia aporta 2 persoas. A existencia deste equipo con dedicación plena, significa a consolidación do programa e permite conectar e implicar a mestres e sacerdotes que se converten en colaboradores voluntarios. Ao mesmo tempo, vanse definindo as liñas básicas de acción.

Curso 1978-79. Incorpóranse os nenos e nenas ás reunións porque eles mesmos queren asistir. Constátase que a súa incorporación é un impulso para que os pais participen, contribuíndo á socialización de nenos e nenas e servindo para avaliar a actuación.
Elabórase un 2º material impreso, distinguindo dous niveis: I (3-4 1/2 anos) e II (41/2-6 anos), supoñendo un avance máis na adaptación das propostas ao desenvolvemento de nenos e nenas.

Curso 1979-80. Entran en plantilla 8 mestres máis en comisión de servizos, permitindo a expansión do programa e, a nivel organizativo, o primeiro paso de división xeográfica do mesmo, co establecemento de oito zonas diferentes.
En Outubro, publícase a primeira revista destinada ós pais, con orientacións, comentarios, …

Curso 1980-81. O material didáctico vese ampliado cunha terceira parte dedicada especificamente a nenos e nenas de 5 a 6 anos. Acádase unha maior adaptación e estruturación cronolóxica do curso escolar e unha maior graduación das metas e actividades de aprendizaxe dos nenos.

Curso 1981-82: En xaneiro iníciase un programa de radio, en Radio Nacional de España en Galicia, para familias con nenos menores de 6 anos. Un maior número de familias, tanto no medio rural coma no medio urbano, ten acceso a un medio informativo referido á educación na etapa preescolar.

Curso 1982-83: O Pleno do Parlamento de Galicia, en sesión do 22 de decembro de 1982, aprobou unha proposición non de lei segundo a cal se insta “ao Goberno galego a estuda-la posibilidade de amplia-lo apoio no servizo de ensino “Preescolar na Casa”, con obxecto de dispor dos necesarios recursos financeiros, inscritos no Presuposto da Comunidade Autónoma”. Este apoio significa o recoñecemento do programa a nivel oficial e administrativo.
Aparecen as primeiras publicacións destinadas á formación de pais : O xogo e o xoguete, en decembro; despois A cantar e O debuxo do neno, como resposta á necesidade de contar con material específico para a formación de pais.
No mes de marzo, a revista pasa de 8 páxinas a 12, co obxecto de atender á formación de pais con nenos de 0 a 3 anos e co fin de ampliar a información aos primeiros anos de vida, vista a necesidade de formarse para actuar axeitadamente desde os primeiros momentos de vida dos nenos e nenas.

Curso 1983-84: Continúa incrementando o número de mestres funcionarios en comisión de servizo (18 neste momento) e contrátanse a 2 persoas, permitindo ampliar a zona xeográfica atendida e o número de familias.
Preséntase, na IV Convención Internacional de Televisión e Educación (Barcelona, setembro-outubro), un vídeo que reflexa unha xornada normal na vida dunha nena do medio rural e a súa familia. Dito vídeo, realizado ao abeiro da Convocatoria de Programas de Desenvolvemento, Investigación e Innovación Educativa da Consellería de Educación, foi emitido posteriormente pola Televisión Española en Galicia e presentado en diversos certames, entre os que cabe destacar os “Encontros entre a Oficina Permanente de Pedagoxía da Imaxe e as Televisións de España, Italia e Noruega”e a “Muestra Internacional de Vídeo Educativo de Murcia”. No primeiro encontro, o vídeo presentado foi considerado como a mellor alternativa á televisión con obxectivos pedagóxicos; no segundo, tal como se recolle na revista da UNED de decembro do1984, afírmase que este vídeo supón o primeiro intento de sistematización, a través da imaxe ao servizo da educación indicando camiños sobre o que debe ser unha liña de investigación na produción de vídeos.
No Parlamento de Galicia, na sesión do 29 de febreiro, baixo proposición non de lei, apróbase instar a que a Xunta prosiga no seu apoio á organización PnC “con aportación de profesores segundo ven facendo ata o presente, e mediante a subvención das actividades na contía en que a Xunta determine en función das necesidades do programa”.
No mes de Maio, PnC recibía o Premio da Crítica Galega a Iniciativas Culturais outorgado en Vigo, polo Círculo Ourensán Vigués “ao esforzo continuado de profesionais pola formación dos pais e o resto do mundo rural na formación integral do neno; labor que foi desenvolvida totalmente en lingua galega, xa desde épocas conflitivas.”

Curso 1984-85. En xaneiro empezan as reunións para familias con nenos de 0 a 3 anos, cunha periodicidade mensual. Publícase o folleto O neno na casa e o neno na escola, nun intento de incrementar a colaboración entre a familia e os mestres.

Curso 1985-86. Cóntase con 21 funcionarios e 3 contratados. Elabóranse os primeiros temas para a formación de pais con nenos de 0 a 3 anos. Trátase de seis temas dos que dous introducen diapositivas como recurso de apoio. Paralela á actividade de PnC e partindo dela, promóvese na zona de Ancares un programa de formación de apicultores que culmina coa creación dunha cooperativa de mel que aínda funciona na actualidade, cunha organización completamente independente.

Curso 1986-87. Chégase ao maior número de funcionarios que cede a Administración (22). A este equipo súmanse 5 persoas contratadas e 4 voluntarias. No mes de outubro empeza outro programa de radio en Radio Nacional de España en Galicia, dirixido a familias con nenos de 0 a 3 anos. Confírmase así, a preocupación de PnC por este crucial período educativo.

Curso 1987-88. Co pretexto de organizar a excursión de fin de curso, tres compañeiros próximos nunha zona comezan a xuntarse quincenalmente. Esta experiencia foi valorada positivamente e considerada como unha necesidade para cursos posteriores. A UNED, por encargo do Ministerio de Educación, realiza unha avaliación externa ao programa de Formación de Apicultores, resaltando a importancia e transcendencia do proxecto como xerador de emprego.

Curso 1988-89. Preescolar na Casa cada vez máis convencida de que as verdadeiras raíces dunha educación teñen que asumir plenamente os tres primeiros anos de vida, elabora o proxecto do programa educativo para pais de nenos de 0-3 anos, “Aprendendo xuntos” elaborando novos materiais de orientación (sete temas que se acompañan dun dossier máis amplo para os profesionais).

Curso 1989-90. No mes de setembro celébranse na cidade de Lugo as primeiras Xornadas Estatais de Familia Rural e Educación Infantil organizadas por PnC. Poñer en común e confrontar as distintas experiencias de educación infantil na familia existentes en todo o Estado Español centra o debate. Tendo en conta a presenza significativa dos nenos e nenas de menos de 3 anos, lévase a cabo unha adaptación do material escrito a estas idades . A xornada laboral do equipo profesional contará cun espazo para o encontro e intercambio formativo e programático, paliando -en parte- o illamento e soidade dos mestres do programa, a que sería a chamada Reunión de Zona.

Curso 1990-91. Empeza formalmente o programa de 0-3, con respaldo económico da Administración estatal, permitindo contratar a 10 mestres. Isto supón atender directamente a familias con nenos destas idades en reunións periódicas de carácter quincenal.
No mes de outubro empeza a emitirse un programa na Televisión de Galicia de media hora de duración, que permite que a formación de pais poida chegar a tódalas familias e a sociedade galega en xeral, respondendo a unha aspiración de PnC desde o seu nacemento.

Curso 1991-92. Fírmanse Convenios con seis Concellos de Galicia, para a atención á infancia en medios rurais concretos, en virtude do concerto da Dirección Xeneral de Protección Jurídica del Menor del Ministerio de Asuntos Sociales e da Consellería de Traballo. Para desenvolver esta acción contrátanse 4 persoas.

Curso 1993-94: A Fundación holandesa Bernard van Leer -dedicada a mellorar as oportunidades de nenos e nenas de 0 a 7 anos que crecen en circunstancias económicas e socialmente desfavorecidas- financia a preparación dun plan para a formación e a avaliación de Preescolar na Casa. Fírmanse Convenios con oito Concellos, en virtude dos cales se contratan 5 persoas.

Curso 1994-95. A Fundación Bernard van Leer firma un Convenio con PnC para desenvolver o programa de formación. Entran a formar parte do equipo 4 persoas máis, posibilitando así unha maior estruturación da formación, a elaboración de materiais, unha análise do programa e o intercambio con outras experiencias.
Iníciase en Lugo o percorrido dunha exposición itinerante de fotografías e xoguetes feitos polas familias, que se exporía en vintecatro localidades de toda a Comunidade, conseguindo unha maior divulgación do programa, referida á acción dos pais e á valoración dos xoguetes construídos na casa.

Curso 1995-96. Empeza a emitirse un novo programa de radio en emisoras locais (Radio Principal Onda Cero Vilalba, Radio Oleiros), achegando máis as orientacións educativas ao medio e zonas concretas.
No mes de marzo comeza a emisión de 15 páxinas no teletexto da Televisión de Galicia, o que redunda nunha maior divulgación e aproveitamento do programa.
O Ministerio de Asuntos Sociais concede a Cruz de Plata de la Orden Civil de la Solidaridad Social” a Antonio Gandoy Díaz- coordinador de PnC- o que supón un recoñecemento a nivel estatal da súa traxectoria persoal e tamén, da acción educativa realizada co programa Preescolar na Casa.
CARITAS de Lugo recibe o premio “Moncho Valcarce” pola labor educativa que leva a cabo no rural, sobre todo a través do programa PnC.
Publícanse os folletos Accidentes infantís, Ler. O camiño da afectividade así como a tradución do libro Atención Temprana da psicóloga Margarita Vidal, que veñen a enriquecer o fondo documental específico de formación de pais, existente no programa.

Curso 1996-97. O programa de PnC na Televisión de Galicia emítese a través do canal de Galicia Televisión (polo satélite PANANSAT) para Latinoamérica, o que supón un recoñecemento do programa e permite unha maior divulgación dos seus contidos.
Publícanse novos materiais: Isto é Preescolar na Casa, Os primeiros anos, O debuxo do neno, O xogo e o xoguete e O rural en seis ditos labregos, así como un vídeo que recolle reportaxes emitidos no programa de televisión sobre o tema Ler. O camiño da afectividade.
Radio Principal Onda Cero Monforte comeza a emitir o programa de Preescolar na Casa.

Curso 1997-98. No mes de setembro celébrase na cidade de Lugo, o II Congreso de Educación Infantil Familiar organizado por PnC, con participación de programas e persoas de diversos países. Neste congreso queríase debater sobre o papel da educación no futuro da sociedade e da persoa, afondar na importancia dos primeiros anos, no papel da familia na educación infantil, coñecer e intercambiar experiencias sobre educación infantil familiar e sacar á luz ós outros protagonistas: avós, novas tecnoloxías. Todo isto quedou recollido nunha publicación.
Publícase o Informe de Avaliación que recolle a análise realizada ao programa, e un novo material para orientación a pais, Convivir coa televisión.
Empézase unha nova fase de actuación coa Fundación Bernard van Leer, permitindo consolidar actuacións iniciadas na fase anterior así como impulsar novas actividades (Salas de Encontro, Ludobiblioteca itinerante, xornadas de formación abertas,…).
Establécese un Convenio co Plan Leader da Terra Cha, a partir do que PnC se compromete a atender a todas as familias con nenos de 0-4 anos non escolarizados. Froito dese acordo, contrátase a unha persoa máis para atender esta zona. Este Convenio supón un reto para o programa, na medida en que se trata de impulsar tamén o desenvolvemento comunitario dunha maneira máis directa do que se viña facendo ata ese momento.
Nun intento por mellorar a calidade da revista de PnC esta pasa de 12 a 16 páxinas e a ter a portada e contraportada a cor.

Curso 1998-99. preséntase na Universidade de Santiago unha tese de doutoramento baixo o título Avaliación do programa Preescolar na Casa que ven a completar a análise realizada desde o mesmo programa co financiamento da Fundación Bernard van Leer.

Curso 1999-00. O programa de televisión de PnC pasa a ter presenza na Plataforma Dixital. A páxina Web de PnC é seleccionada por Educaweb, servidor máis importante en materia educativa.
En xaneiro do ano 2000 publícase “Preescolar na Casa: unha utopía realizable”. Esta publicación recolle todo o que supuxo o programa: os motivos que o impulsaron, como se desenvolveu a través dos tempos, e como se realiza. A presentación do libro tivo un carácter público. Posteriormente inícianse negociacións con Cáritas Española para chegar ó compromiso de traducir a obra a castelán e organizar a súa presentación en Madrid.

Curso 2000-01: Antonio Gandoy, coordinador do programa, presenta ao equipo de PnC, o proxecto de convertelo nunha Fundación dotándoo de personalidade xurídica propia.
En outubro, preséntase en Madrid no Salón de actos da Subdirección General de Promoción do Libro e a Lectura a versión en castelán do libro, “Preescolar na Casa: Unha utopía realizable”. Esta presentación estivo a cargo de Federico Mayor Zaragoza (Ex director Xeral da UNESCO e Presidente da Fundación “Cultura de Paz”).
Neste mesmo mes, froito da colaboración que se viña tendo coa Vicaría de Educación de Portoviejo (Educador), dúas persoas do programa se desprazan a Ecuador para impartir un curso durante un mes de formación de mestres co obxectivo de capacitalos para desenvolver un programa de formación de pais en educación infantil no medio rural. Deste curso, validado polo Ministerio de Educación deste país, seleccionaríase un reducido grupo de persoas para iniciar “PELCA”, Preescolar en la Casa en comunidades rurais de Ecuador.
O programa recibe o Premio “Irmandade do Libro convocado pola Federación de Libreiros, pola súa labor de promoción do libro e da lectura así como o seu papel desempeñado a prol da cultura galega.

Curso 2001-02: No mes de decembro, PnC participa como invitado no encontro da Iniciativa pola Efectividade promovido pola Fundación Bernard van Leer, que tivo lugar en Venezuela.
No mes de xaneiro o programa cumpre vintecinco anos.
No mes de febreiro prodúcese o pasamento de Antonio Gandoy, fundador e coordinador xeral do programa.
No mes de marzo a Facultade de Educación da Universidade de Santiago de Compostela realizou unha homenaxe a Don Antonio Gandoy, fundador de PnC no día do Patrón, dedicándolle este día a súa persoa xunto coa do Pai Martín Sarmiento. Ao mesmo tempo inaugurouse unha exposición sobre a súa figura.
Elabóranse catro publicacións: “Cóntame un conto”, “O neno e a nena de tres anos”, “Xogos de sempre para nenos de agora”, “Avanzando xuntos. Actividades para unha estimulación axeitada”.
No mes de abril, PnC participa como invitado no encontro sobre “Estudios de seguimento” promovido pola Fundanción Bernanrd van Leer, que tivo lugar en Kingston, Jamaica.
No mes de maio comeza a emisión dun novo programa de radio na emisión local de Carral Radio.
Neste mes constitúese a Fundación Preescolar na Casa. O programa pasa a ter entidade xurídica propia.

Curso 2002-03: A través do Convenio coa Administración Autónoma a Fundación PnC asume a xestión e desenvolvemento do Galego en Familia que implica a incorporación de 19 persoas e novas áreas de actuación: medio urbano e familias con nenos escolarizados.
Organízanse Reunións de orientación con familias de bebés 06/8 meses.
Públicanse artigos nas revistas: Aula de Innovación Educativa, nº 117, Decembro, 2002, p.72: “La familia es insustituible”, Espacio para la Infancia, revista da Fundación Bernard van Leer, que se distribúe en múltiples países de todo o mundo, no número 19 de marzo de 2003, publicou: “El reto de la infancia” (este mesmo artigo, xa fora publicado en “Early Childhood Matters”, publicación desta mesma Fundación, dirixida a países de fala inglesa, no número 100, correspondente a decembro do 2002 co título “The challenge of assessment”), Espacio para la Infancia, xullo 2003, nº 20, p.14-19: “Una apuesta educativa por el medio rural”,  Cuadernos de Pedagogía, ademáis das reseñas que fai habitualmente para a presentación de novos números da revista, no número 321 de febreiro de 2003, publicou un artigo sobre o programa titulado “Preescolar na Casa”.
A principios de decembro parte do equipo de PnC participa no Grupo de Traballo Internacional sobre Acompañamento, celebrado na cidade de Lugo no que participaron integrantes de proxectos desenvolvidos na India, Mozambique, Brasil e Portugal.
En febreiro celébrase o vintecinco aniversario de Preescolar na Casa coa conferencia sobre resiliencia impartida Dna. Eva Kñallinsky Ejdelman (Profesora de Universidade das Palmas de Gran Canaria).

Curso 2003-04: Desenvólvese por vez primeira unha reunión de orientación na escola Camilo José Cela do Hospital Clínico de Santiago de Compostela coas familias de nenos hospitalizados.
Constitúese un grupo de traballo transnacional no que están implicados Galicia, Portugal e Francia co obxectivo de mellorar a actuación e buscar alternativas educativas no medio rural.
Publícase o artigo “Preescolar na Casa”, na revista Aula de Infantil, nº 20, Xullo-Agosto 2004, PP 15-18.

Curso 2004-05: Preescolar na Casa forma parte do Grupo de Traballo Transnacional dentro do Programa europeo Sócrates, Asociacións de Aprendizaxe Grundtvig 2. Este grupo de traballo céntrase na análise do desenvolvemento rural: A.M.I.E., (Actores Medio Rural Infancia). Este grupo de traballo intégranno -ademais de Preescolar na Casa- as organizacións ICE “Instituto das Comunidades Educativas” (Portugal) e ACEPP “Association des Collectifs Enfants, Parents, Proffeisoneis (Francia), Publícase o libro Medrando na comunidade. A contribución de Preescolar na Casa á Educación Infantil en Galicia.

Curso 2005-06: Comezan as reunións de orientación nos centros de preparación para o parto, enmarcándose nun proxecto de intervención de orientación a nais embarazadas: Empezar cedo.

Curso 2006-07: Comeza a emitirse un programa na Radio Galega. O programa de televisión pódese visionar en Internet, na web da CRTVG.
Fírmase un convenio de colaboración con UNICEF para divulgar os dereitos de nenos e nenas a través do programa de televisión.
Preséntase a publicación “A educación no rural en Galiza”, elaborado pola Mesa de Educación Rural, e na que se integra Preescolar na Casa.
A Fundación Preescolar na Casa consegue o certificado ER 1050/2007 emitido por AENOR de acordo coa norma UNE-EN ISO 9001:2000 para as seguintes actividades: Deseño e desenvolvemento de programas de formación de pais en educación infantil. A prestación dos servizos de orientación (reunións con pais); difusión (programas de televisión, radio, teletexto, revista, publicacións propias e a participación en grupos de reflexións).
A petición da Secretaría Xeral de Igualdade e Benestar colabórase na elaboración do IV Plan de Integral de Apio ás Familias.
O colectivo O Brado (A Estrada. Pontevedra) distingue á Fundación Preescolar na Casa co Premio San Martiño pola súa traxectoria na defensa da lingua galega.

Curso 2007-08: Comezan a desenvolverse os Espazos das familias en diversos contextos:
  • Espazos da Familia en escolas infantís en colaboración coa Secretaría Xeral de Igualdade e o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar.
  • Espazos da Familia na Penitenciaría de Teixeiro (A Coruña) froito da colaboración co Ministerio do Interior.
  • Espazo da Familias na Comunidade Terapéutica As Cernadas (Val do Dubra. A Coruña) froito da colaboración con Proxecto Home.
O 4 de maio deste curso ten lugar un Concerto para bebés a cargo do Músico Paulo Lameiro, que leva dende o ano 1997 realizando Concertos para bebés en Portugal, Suecia, Reino Unido e resto de España. A A.N.P.A. “Picapeixe” do CEIP Nicolás del Río de Cedeira, concédenos un dos seus “Galardóns Picapeixe” na modalidade de traxectoria socio-educativa polo seus 30 anos de traballo educativo coas familias galegas.
O equipo de profesionais da provincia de Ourense obtivo o 2º Premio a nivel nacional no “Concurso de Proxectos de Educación Viaria no ámbito escolar”

Curso 2008-09: A Fundación Preescolar na Casa traballa para avaliar o programa de acordo co modelo EFQM. A Fundación designa o servizo de Orientación a Familias con novos nomes:
  • Un bo comezo. Complemento educativo aos cursos de preparación para o parto.
  • Primeiros descubrimentos. Servizo educativo para familias con nenos no primeiro ano de vida.
  • Xuntos para crecer. Servizo educativo para reforzar a confianza dos pais e incrementar coñecementos e prácticas de crianza.
Amplíase a colaboración coas escolas infantís para desenvolver o Espazo das Familias en máis centros educativos. Na provincia de Ourense desenvólvense Espazos das Familias con participantes de etnia xitana. Na zona de Santiago faise unha reunión semanal sen nenos, a experiencia é moi positiva.
Por invitación da Secretaría Xeral de Igualdade de Vicepresidencia e Benestar, a Fundación Preescolar na Casa forma parte do equipo asesor do programa Tecendo redes para elaborar o Documento Marco sobre a educación familiar.
Publícanse novos materiais: o folleto informativo Aventura de crecer, desafío de educar; 12 trípticos en torno a temáticas que se abordan nos Espazos das Familias e o libro Conversas educativas: unha contribución á cultura da infancia.
Fírmase un convenio de colaboración coa Fundación TIC (Fundación para o desenvolvemento das Tecnoloxías da Información) para a realización de proxectos de interese social.

Cursos 10-11-12: Comezan os cortes na financiación que levan á Fundación á súa desaparición no ano 2012. Recortes, EREs, e máis recortes levan á extinción á Fundación Preescolar na Casa.

No ano 2013, a Asociación Socio-educativa Antonio Gandoy merca en subasta pública no Xulgado do Mercantil de Lugo a marca "Preescolar na Casa" e os poucos bens materiais que a Fundación posuía. Faise cargo así mesmo de todo o legado inmaterial, bibliográfico e audiovisual que Preescolar na Casa producíu ao longo de 35 anos de historia.