8 de mar. de 2018

8 de Marzo, Día Internacional da Muller

No día de hoxe, 8 de Marzo, Día Internacional da Muller, o movemento feminista, co apoio de organizacións e colectivos políticos, sindicais e sociais, convoca unha folga xeral e diversos paros parciais das mulleres, de alcance internacional. Unha folga que pretende poñer o foco de atención nos diferentes espazos nos que se produce a desigualdade: laboral, educativo, de coidados e de consumo. Neses catro ámbitos estamos convocadas a facer folga as mulleres. 

Unha convocatoria de denuncia fronte ás desigualdades, ás discriminacións e ás violencias estruturais que sufrimos máis da metade da poboación mundial, as mulleres. Unha convocatoria para a reivindicación dun novo modelo social, xusto, democrático e igualitario, no que a educación está chamada a ofrecer alternativas concretas, alén da retórica habitual que rodea estes días singulares no calendario. 

Asociación socioeducativa Antonio Gandoy fai público o seu apoio a esta convocatoria, secundando a folga e acudindo ás mobilizacións. Facemos un chamamento á participación de todas as mulleres nas diferentes iniciativas reivindicativas. 

Un dos principios fundamentais da Asociación é "promover unha educación que capacite á persoa a comprender a realidade, intervir nela e vivir en harmonía consigo mesmo, cos demais e coa natureza" e neste principio é no que encaixa a defensa activa da igualdade de dereitos entre todos os seres humanos, sen distinción de sexo, raza, ou ideoloxía.

Promovemos distintas reflexións sobre a necesaria revisión da tarefa educativa familiar en relación cos tempos sociais, axudando a superar  etiquetas sexistas e difundindo experiencias innovadoras neste ámbito, coa intención de contribuírmos á reflexión e formación colectiva.

Hai aínda, moito camiño por andar para acadar a tan desexada igualdade entre mulleres e homes, e está nas nosas máns  e no seo das familias poñer os primeiros chanzos para seguir avanzando.

Por estes motivos, NÓS IMOS Á FOLGA.

Ningún comentario:

Publicar un comentario