26/05/2017

Visita á escola en Monfero

Unha das actividades que a Asociación Socioeducativa Antonio Gandoy acostuma a realizar nestas datas é a visita aos centros escolares onde os nenos e nenas participantes nos Espazos das Familias se incorporarán no seguinte curso. 

O obxectivo desto é que este paso tan importante nas súas vidas sexa o mellor e o menos traumático posible.

E como mostra, un botón: os participantes do Espazo das Familias da Asociación Socioeducativa Antonio Gandoy de Monfero, coordinado pola nosa compañeira Olaia, participou nunha xornada de portas abertas que organizou o CEIP Virxe da Cela para que as nenas e os nenos que van comezar o cole se familiaricen co mesmo, e mais para que as familias coñezan o espazo, o equipo de profesionais e o proxecto educativo do mesmo.

Olaia González, profesional da Asociación Socioeducativa Antonio Gandoy, descríbenos a experiencia:

"As familias son as primeiras educadoras, pero non as únicas. Formar ao ser humano é unha tarefa que corresponde á familia, á escola, e á sociedade en xeral co fin de lograr un saudable desenvolvemento. A colaboración entre todos os axentes educativos, é un factor clave na mellora da educación.

Neste eido a escola é un espazo óptimo no que se fortalece o nivel evolutivo dos nenos e nenas,  posibilitando a aprendizaxe de comportamentos, habilidades e destrezas a nivel cognitivo, físico e social.  Pero isto non o pode lograr a escola si está desligada da familia, de modo que é transcendental a unión familia-escola como elemento fundamental que contribúa ao desenvolvemento integral.

Partindo desta premisa, o CPI Plurinlíngüe Virxe da Cela de Monfero organizou o pasado 27 de marzo unhas xornadas de portas abertas, dirixidas ás familias cuxas nenas e os nenos se van a incorporar ao centro o vindeiro curso, co fin de que coñezan o centro e o seu funcionamento.

Dende a Asociación Antonio Gandoy consideramos a necesidade destas iniciativas que promoven potenciar o traballo mancomunado entre a familia e a escola, é por iso que participamos cos Espazos das Familias, os cales se desenvolven neste mesmo centro educativo todos os luns en horario de tarde.

Cando chegamos recibiunos o equipo directivo, como á xente importante, porque importantes son as crianzas que dan vida a súa comunidade; de seguido o grupo “Os monicreques de Kukas” fixo a representación de “Xan Perillán e a maleta máxica” para os nenos e as nenas, e foi moi divertido. As nais e os pais tiveron unha presentación do que ofrece o centro e a ocasión de intercambiar impresións, dubidas e preocupacións. Para rematar, visitamos todas as instalacións para saber onde está cada cousa e non perdernos cando comece o curso".






Ningún comentario:

Publicar un comentario